Os vídeos pausados en YouTube poderían amosar publicidade lateral
mércores, 11 de setembro do 2024
Nos últimos anos YouTube incrementou considerablemente a súa carga publicitaria, especialmente en televisores, experimentando os límites que aturaban os usuarios, de xeito que foron establecéndose cortes con varios anuncios seguidos e tamén anuncios breves que non poden saltarse, e a todos estes formatos incorporaríase agora unha no opción: publicidade cando se pulsa a pausa durante a reprodución dun vídeo.
Polo que están a desvelar usuarios, no momento de premer a pausa nun vídeo, a imaxe reduciría o seu tamaño para deixar lugar a anuncios propios de laterais de páxinas web, en vez de formatos de vídeo a tamaño completo.
Enténdese que polo momento este tipo de publicidade está unicamente en proba nos EE.UU., pero parece bastante probable que vaia espallarse globalmente, xa que falamos dun formato que non resulta especialmente intrusivo, aínda que si rechamante por estarmos ante un tipo de anuncio inédito na plataforma de vídeo de Google.