Os videoxogos aplicados á educación e a saúde protagonizaron a nova sesión da Power UP

mércores, 15 de maio do 2024 S. P.

A Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), amosou o pasado venres 10 de maio múltiples aplicacións que se abren co uso dos videoxogos. A sesión, materializada a través do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, en colaboración coa Xunta e co Concello de Ferrol, foi inaugurada polo reitor Ricardo Cao, quen sinalou que a día de hoxe “estase a traballar en moitos eidos de aplicación máis alá do propio concepto lúdico dos videoxogos”, o que, dixo, “abre novas oportunidades de creación, de innovación, e tamén de estudo, de investigación e de transferencia tecnolóxica”.
Así, engadiu, “temos os videoxogos aplicados, que ofrecen máis que entretemento e que se adaptan a outro sector, como por exemplo, educación ou sanidade; e tamén temos os que pretenden facernos reflexionar sobre algo, os persuasivos”. Seguindo este fío, lembrou o exemplo, da participación da UDC no Proxecto Europeo Erasmus+ Incorporating Interdiscipinarity in Secondary School Education Using Conflict Video Games (InterGames), iniciativa que pretende mellorar os plans de estudo da educación secundaria en Europa e potenciar as capacidades de profesorado e alumnado con enfoques interdisciplinares a través dos videoxogos de conflito; un programa no que se busca incentivar o pensamento crítico, a resolución de problemas e a intelixencia emocional entre o estudantado de secundaria de toda Europa.
Xa pola tarde, foi a quenda das presentacións do alumnado do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos. Así o equipo Nameless presentou o seu ¡What the Hell, un xogo de desprazamento lateral con elementos de plataformas, acción 2.5D e quebracabezas ambientado nos infernos de Dante. E o equipo Piña Colada que presentará Platyfrog, un xogo de aventuras e plataformas 3D onde integrantes de dúas civilizacións rivais deberán colaborar para sobrevivir.