Os videoxogos de onte e hoxe gañan peso en ExpOtaku

venres, 20 de maio do 2011 Marcus Fernández

Nintendo non faltou á cita para permitir ao público probar a súa nova consola portátil

Dende hoxe e ata o domingo EXPOCoruña acolle o II Salón do Manga de Galicia ExpOtaku, evento ao que asisten seareiros do anime, os videoxogos, o cosplay e a cultura nipona, e aínda que o manga e o anime debería ser o centro deste encontro, nesta edición medrou de xeito importante a presenza dos videoxogos e da informática clásica, seccións que captaron moita atención por parte do público, confirmando que o lecer electrónico é un dos piares da cultura da mocidade.
Máis aló da zona de expositores comerciais podemos atopar un amplo expositor de Nintendo no que poder probar a nova Nintendo 3DS e aprender a tirar proveito de algunhas das súas funcións (como a realidade aumentada) con axuda do persoal alí presente, experiencia que axudará aos asistentes para decidir se mercar ou non a nova consola portátil que aínda que inicialmente sorprende pola súa pantalla 3D sen lentes, dá moito máis de si.

Algúns dos equipos que se poden ver en EXPOCoruña son auténticas pezas de museo achegadas pola A.U.I.C.

Os seareiros dos videoxogos tamén poden competir contra os seus amigos en distintos xogos de loita actuais, ou incluso achegarse a unha serie de consolas clásicas entre as que están algunhas tan representantivas como a Nintendo 64, a Dreamcast, a NES e a Megadrive, o que permite as novas xeracións botar un ollo a esta sección retro da que gustarán especialmente os asistentes de maior idade, pois o factor nostálxico que ten ver estas máquinas totalmente operativas e poder botar unha partida ás mesmas poden chegar a facer botar unha bágoa a máis de un. Amais, esta sección está reforzada coa exposición dunha serie de ordenadores clásicos, auténticas pezas de museo achegadas pola Asociación de Usuarios de Informática Clásica (A.U.I.C.) como anticipo de RetroCoruña 2011, evento que este ano chega á súa terceira edición e que terá lugar o 2 de xullo no Pavillón Municipal de Deportes de Sada.
Coma colofón desta febre nostálxica, no centro de todas estes equipos temos unha máquina recreativa caseira, que corre un típico emulador de máquinas recreativas, e que congrega a numeroso público ao seu redor que parece encantado de replicar a experiencia de acudir a unha sala de videoxogos (tipo de local en perigo de extinción).
Dentro do programa do encontro, nesta zona de videoxogos terán lugar torneos de Super Street Fighter IV, Mortal Kombat IX e Marvel vs Capcom 3 durante o sábado, e de Super Smash Bros Brawl o domingo.
Tamén cómpre destacar que o sábado ás 12:00 horas terá lugar un obradoiro de radio podcast impartido no espazo de Cuac FM (radio comunitaria de A Coruña, na que se emite o popular podcast de videoxogos El Complejo Lambda).

Durante ExpOtaku teñen lugar numerosos torneos de videoxogos
Múltiples consolas clásicas poden probarse en ExpOtaku
Os nostálxicos poden chegar a soltar unha bágoa ao poder xogar a algúns títulos con varias décadas de vida
A A.U.I.C. achegou ao evento numerosos ordenadores clásicos
No recinto podía verse unha máquina recreativa caseira que captaba moita atención

PUBLICIDADE