Os videoxogos e a literatura, a debate dende o MARCO de Vigo da man da Fundación Carlos Casares
mércores, 27 de setembro do 2023
O
Edificio MARCO de Vigo acollerá esta fin de semana a quinta edición
das Xornadas Videoxogo e
Literatura, convocadas baixo o epígrafe Unha mirada
transversal e organizadas pola Fundación Carlos Casares.
A
actividade, patrocinada polo Concello de Vigo, a Deputación de
Pontevedra e mais a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia,
desenvolverase do xoves 28 ao sábado 30 de setembro, analizando na
súa quinta edición o sector cultural do videoxogo na súa relación
con outros sectores culturais. Como elemento artístico, a pianista
Elesky dará un concerto gratuíto de bandas sonoras de videoxogos o
venres ás 19.45h no cine Salesianos.
As V
Xornadas Videoxogo e Literatura é unha actividade anual da Fundación
Carlos Casares, coa que pretende “abordar o sector cunha
perspectiva transversal, sen perder de vista a relación coa
literatura e as súas técnicas, así como as relacións que se
establecen con outros sectores culturais e creativos”. As xornadas
pretenden, tamén, ampliar o coñecemento público do sector;
debullar as perspectivas de crecemento e apuntar retos e desafíos
dos seus profesionais.
Segundo
informa a Fundación Carlos Casares, nesta quinta edición
“consolídase a mirada transversal mediante novos contidos para as
mesas redondas e os faladoiros (dobraxe, tradución, creación de
contidos, procura de accesibilidade, sustentabilidade, creación
indie, mangas, xogos de mesa e rol, proxectos educativos e
formativos, etc) e clases maxistrais sobre deseño de diálogos”.
Como actividade externa, contarase coa presenza de Elesky, que dará
un concerto de piano no Cine Salesianos o venres 29 de setembro ás
19.45h. A artista fará un repaso polas bandas sonoras dos
videoxogos. A entrada é gratuíta ata cubrir o aforo do recinto.
O
programa tamén inclúe a actividade Desconferencia, un espazo
reservado a calquera persoa interesada en vir falar ata un máximo de
10 minutos da súa experiencia, do seu proxecto creativo no sector do
videoxogo, das súas inquedanzas na literatura transmedia,
etc. “Trátase dun micro aberto na que, para poder participar,
soamente é necesario apuntarse previamente”, sinala a
organización.
A
entrada ás xornadas é de balde. Porén, é recomendábel polo aforo
que as persoas interesadas se apunten previamente na
páxina web das xornadas. Para a Desconferencia, hai un
rexistro específico na sección correspondente dentro da mesma
páxina.