Os videoxogos en España facturaron 1.163 millóns de euros durante 2016

luns, 10 de abril do 2017 Marcus Fernández

A Asociación Española de Videoxogos (AEVI) vén de adiantar datos do seu anuario no que detallan o estado do sector en España durante 2016, cando facturou 1.163 millóns de euros, un 7,4% máis que en 2015, consolidándose como a primeira opción de lecer audiovisual no Estado e cunha estimación de 15 millóns de videoxogadores. De feito, en idades menores aos 25 anos a porcentaxe de xogadores sería moi elevada (entre un 68 e un 75%), e incluso mantería un bo nivel entre os 25 e os 34 anos (46%), estimándose que o tempo que os xogadores destinan a este tipo de ocio cada semana é de 6,2 horas (por enriba das 6 horas que dedican os Franceses, pero moi por debaixo das 8,9 horas que empregan no Reino Unido).
AEVI sostén que os videoxogos en formato físico medraron en vendas até os 8 millóns de unidades, mentres que en formato descargable medraron até os 7,4 millóns, mentres que as apps en móbiles mantéñense en 6,8 millóns, e tabletas chegan aos 3,8 millóns e en consolas portátiles en 3,7 millóns.
A Asociación tamén salienta que o sector conseguiu introducirse na axenda institucional, de xeito que, por primeira vez, o Congreso dos Deputados esixiu ao Goberno facilitar os investimentos internacionais na industria, a Asemblea de Madrid solicitou ás autoridades locais o desenvolvemento da industria local e o Parlament de Catalunya foi o escenario da primeira comparecencia da industria nun parlamento.

PUBLICIDADE