Os videoxogos terán o seu espazo na Feira dos Autónomos de Galicia

luns, 1 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Trap Ball para Xbox 360 será un dos xogos que poderemos probar libremente no encontro que terá lugar no recinto de EXPOCoruña

O recinto de EXPOCoruña acollerá entre os días 4 e 8 de decembro a Feira dos Autónomos de Galicia, que emprende esta XXI edición renovando os seus contidos, de xeito que aos expositores habituais acompañaraos un espazo de lecer alternativos entre os que podemos destacar un espazo para os estudios de videoxogos independentes que tanto destacan na nosa comunidade.
Deste xeito, Axóuxere Games, Demon Koffe e Akkad Estudios terán un espazo de seu na feira deste ano, acollendo tamén como convidado a Gazpacho Games. Cada un dos estudios terán actividades de seu para os asistentes, de xeito que Axóuxere Games permitirá gozar dos seus xogos para Xbox 360 Trap Ball e Planetary Shield, ou da versión para móbiles e tabletas de Shuriken Training HD, á vez que celebrará campionatos de Trap Ball Ed. Billar e Shuriken Training. Este estudio coruñés aproveitará o encontro para presentar o seu novo xogo para Android, Colours, do que tamén celebrará un campionato.
O estudio ribeirense DemonKoffee tamén estará presente co seu xogo ChanChan, ao que poderá xogarse en distintas plataformas, así como poderá probarse tamén o seu WaspUp. Os asistentes ao evento tamén poderán ver como os desenvolvedores desta compañía programan en vivo.
Os amantes ás aventuras gráficas tamén poderán visitar aos mozos de Akkad Estudios, que permitirán probar os seus xogos para PC Quiero Morir, Mente Vacía-Destino en Blanco, Quiero una identidade e Soy Libre, así como gozar da versión de demostración de Lienzo en Blanco, título que están a ultimar estes días. O sábado ás 19:00 horas impartirán un relatorio no que explicarán a súa motivación para crear videoxogos.


Trailer da última creación de Akkad Estudios
O máis recente grupo de desenvolvedores independentes Gazpacho Games presentarase durante a Feira, permitirá probar os seus xogos ESC e El Susurro Primigenio, e impartirá tres interesantes relatorios: Marketing de videoxogos: contactar coa prensa como vía de promoción (venres ás 18:00 horas), Unreal Engine 4 e o noso novo proxecto (sábado ás 19:00 horas) e The Big Jam: un paso cara ao desenvolvemento de videoxogos (domingo ás 19:00 horas). Nesta última abordan o tema dos eventos de desenvolvemento exprés, dos que curiosamente saíu a súa creación ESC, elaborada durante 72 horas dentro da Familiar Game Jam II.
Completando a oferta de lecer electrónico na Feira, o venres 5 ás 19:00 horas os integrantes do programa de radio independente El Complejo Lambda explicarán como desenvolven o seu particular espazo sonoro que semanalmente acumula milleiros de reproducións en formato podcast. A asociación Legión Gamer tamén dinamizará enormente os cinco días do evento organizando torneos moi variados nos que tanto poderá competirse en títulos recentes como Injustice: Gods Among Us, Ultra Street Fighter IV, ou FIFA 15, así como en clásicos como Windjammers, Super Bomberman 2, Puzzle Bobble ou Smash Bros. Melee. A inscrición aos torneos pode facerse mediante correo electrónico ou durante o propio evento (no caso de quedaren prazas libres).