Os vindeiros Surface de Microsoft poderían tirar grande proveito da IA

xoves, 28 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Fontes consultadas polo xornalista tecnolóxico Zac Bowden aseguran que Microsoft está a traballar nunha actualización significativa dos equipos Surface Pro e Surface Laptop, que verían a luz en primavera e pretenderían anunciarse como os primeiros ordenadores persoais con intelixencia artificial de nova xeración.
Os equipos estarían dispoñibles con procesadores Intel e ARM, contando ambos cunha NPU de nova xeración para executar tarefas de intelixencia artificial. Coméntase no caso dos ordenadores con ARM empregarían unha versión personalizada dos Qualcomm Snapdragon X, alcumada Cadmus, que estaría deseñada principalmente para tirar proveito das novidades que incluirá a vindeira grande actualización de Windows.
Os novos equipos de Microsoft con procesadores ARM pretenderían competir cos ordenadores con procesador Apple Silicon en potencia e autonomía.
Bowden comenta que o futuro Surface Laptop 6 contará finalmente cun novo deseño, o que suporá marcos máis finos, esquinas redondeadas e máis portos; mentres que o futuro Surface Pro 10 melloraría principalmente a nivel de pantalla, contando agora con maior brillo (soportando contido HDR) e cun novo recubrimento contra reflexos. Tamén tería esquinas máis rendondeadas.
Sexan ou non correctas as filtracións, parece indubidable que durante 2024 os ordenadores contarán dun xeito ou outro con algunha función relativa á intelixencia artificial, para aproveitar o interese que está a espertar esta tecnoloxía.

PUBLICIDADE