Os vindeiros iPhone non sairán á venda en setembro

venres, 31 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Durante a presentación de resultados trimestrais de Apple, nos que a compañía rexistrou un incremento de ingresos interanual do 11% pese a estarmos nunha situación económica moi complexa (grazas en boa medida a que o 60% dos ingresos proveñen de fóra de EE.UU.), o director financeiro da compañía de Cupertino, Luca Maestri, confirmou un rumor que leva bastantes semanas circulando: este ano non haberá novos iPhone en setembro.
Concretamente asegurou que, aínda que en 2019 comezaron a vender os novos smartphones a finais de setembro, «este ano proxectamos que o subministro estará dispoñible unhas semanas despois», ou sexa, que pode entenderse que a presentación dos novos iPhone non será a comezos de setembro, e o seu lanzamento non sería até o mes de outubro, o que non é a primeira vez que acontece (por exemplo, os iPhone Xr chegaron ás tendas españolas o 26 de outubro de 2018), aínda que desta volta semella que a situación é un tanto diferente e podería afectar de xeito máis profundo a todo o calendario de lanzamentos da compañía, xa que a crise sanitaria podería ter provocado adiamentos a moitos niveis.

PUBLICIDADE