Os virus e malware reduciron a súa actividade en febreiro

venres, 4 de marzo do 2011 Raquel Noya

Por primeira vez en moito tempo, comezamos o mes falando de cifras moi positivas no reconto da actividade de virus e malware nos ordenadores de todo o mundo, en lugar de volver a falar do incremento deste tipo de ataques virtuais que se vén dando ultimamente.
De feito, segundo datos recollidos polos usuarios que empregan o antivirus online e gratuíto de Panda, “o 39 por cento dos ordenadores analizados durante o mes de febreiro estaban infectados por algún tipo de ameaza informática”, unha cifra que, malia a ser bastante alta aínda, é moi inferior á rexistrada no mes de xaneiro, que ascendía ao 50 por cento.
Respecto ás ameazas que protagonizaron ditas infeccións, os troianos seguen a ser a categoría predominante, ao darse nun 61 por cento, seguido polos virus tradicionais (nun 11,25 por cento) e polos vermes, con preto dun 9 por cento (vémelo na gráfica). Por certo, estes últimos foron os últimos que non rexistraron variación algunha respecto a xaneiro.
No tocante ás porcentaxes de familias de malware que máis lle afectaron aos ordenadores durante o pasado mes, podemos apreciar que, contra todo prognóstico, tampouco houbo practicamente variación. No caso de exemplares específicos, como o troiano CI.A, Downloader.MDW ou Lineage.KDB, por citar algúns, podemos observar que a súa actividade non se incrementou senón que se mantivo na mesma liña.
No referente á clasificación de países coa maior porcentaxe de infeccións, encabezan a listaxe China, Ucrania, Tailandia ou Taiwan, con ratios de infección por enriba do 50 por cento.

PUBLICIDADE