Os vixiantes da Confraría do Grove fórmanse en drons para loitar contra a pesca furtiva
venres, 30 de setembro do 2022
A
tecnoloxía galega de drons ponse ao servizo da loita contra o
furtivismo. Así nolo conta Aerocamaras, a empresa de Lalín
referente neste ámbito tecnolóxico, que
está a formar aos vixiantes da Confraría de Pescadores de San
Martiño do Grove como pilotos de vehículos aéreos non tripulados
para facer fronte á pesca e ao marisqueo ilegal. A través de
Aerocamaras, os gardas reciben formación necesaria para certificarse
e poder implementar estes vehículos no seu día a día.
Segundo
conta Aerocamaras, os profesionais xa superaron a fase teórica e
están mergullados arestora na práctica. Ademais, esta formación
foi impartida a medida para o grupo, en tempo e localización, “para
que os profesionais consigan unha experiencia inmersiva e ensaien na
súa contorna real de traballo”, explicaron fontes da empresa
tecnolóxica, engadindo que durante a fase práctica, un instrutor
experto de Aerocamaras encárgase de adestralos para manexar con
destreza os mandos da aeronave e que aprendan manobras que lle serán
útiles nas súas tarefas de vixilancia. “Con esta formación
obterán a certificación de AESA que os habilita como pilotos de
drons profesionais e poderán comezar a traballar con esta tecnoloxía
nas súas patrullas de garda”, sinalan.
Para
Aerocamaras, os drons preséntanse como unha solución para facer
fronte a este problema que non só é medio ambiental senón tamén
social, económico e produtivo (afecta directamente aos rendementos
presentes e futuros dun colectivo que se esforza con todo tipo de
recursos para asegurar a sustentabilidade dos peixes e dos mariscos),
ao permitirlles exercer un mellor control sobre os distintos bancos
de produción. Jaime Pereira, director executivo (CEO) de Aerocamaras
engade que a formación daralles aos gardapescas os coñecementos e a
destreza necesaria para que poidan implementar drons na súa
vixilancia, e “tamén mellorarán a eficiencia das súas rastrexos,
xa que con estas aeronaves poden facer un control aéreo exhaustivo
en poucos minutos e abranguendo unha maior cantidade de terreo,
incluíndo zonas rochosas onde a vixilancia a pé é dificultosa”.
Esta
capacitación forma parte do proxecto Coidamar co-financiado polo
fondo marítimo e de pesca (FEMP) e a Consellería do Mar do que foi
beneficiada a Confraría de Pescadores San Martiño a través de
axudas para proxectos no marco das estratexias de desenvolvemento
local participativo (EDLP), por un importe total de 12.738,67€. A
formación que reciben os vixiantes é unha das medidas e accións
dirixidas ao logro do obxectivo deste proxecto, orientado á
preservación do medio mariño e dos recursos pesqueiros para
garantir unha pesca sustentábel.