Os voluntarios ambientais xa poden inscribirse nas batidas contra a basuraleza de proxectolibera.org

xoves, 6 de xuño do 2019 Redacción

Xa podemos inscribirnos en proxectolibera.org para participar nalgunha das 20 batidas programadas (até o de agora) de limpeza que se van organizar na nosa terra para combater, colectivamente, a proliferación imparábel do que se coñece como basuraleza, integrada por todo tipo de refugallos xerados polo home (cabichas e toalliñas principalmente, aínda que tamén envoltorios e recipientes plásticos de todo tipo).
A Consellería de Medio Ambiente, a través da directora de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, fixo un chamamento á cidadanía galega para que xunte forzas arredor das devanditas quedadas, ben inscribíndose nas que xa foron convocadas, ben propoñendo iniciativas novas de limpeza. As accións activistas (en lugares como a Laguna Mina Mercedes de Pontecesures, o porto de Maplica ou a praia de Bens, na Coruña, entre outros enclaves), materialízanse a través da iniciativa 1m2 pola natureza, que ten a súa face visíbel en www.proyectolibera.org.
A directora xeral, xunto co xerente de Ecoembes, Fernando Blázquez, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación desta iniciativa que se celebrará o vindeiro 15 de xuño e que se trata dunha iniciativa dentro do proxecto Libera: Natureza sen Basura, posto en marcha por SEO/BirdLife e Ecoembes, para loitar contra o espallamento de lixo no medio natural.
Ferreira lembrou que se trata da terceira edición na que Galicia participa e fixo un chamamento á sociedade para multiplicar o número de participantes das anteriores citas (no 2018 houbo 500 voluntarios que realizaron limpezas en 24 puntos da xeografía galega), co obxectivo de concienciar ao conxunto da sociedade na necesidade de avanzar cara a mitigación do impacto do lixo nos espazos naturais. Sinalou que “o abandono e a acumulación de lixo nas contornas naturais converteuse nun problema xeneralizado, que ten un impacto negativo para a conservación do medio ambiente que nos rodea e, en consecuencia, no planeta”.
Explicou que todas aquelas persoas que desexen participar nunha batida poden inscribirse nalgunha ata o vindeiro día 14 a través da web www.proyectolibera.org.
A directora xeral de Calidade Ambiental salientou igualmente outra iniciativa posta en marcha por SEO/BirdLife, Ciencia Libera, cuxo obxectivo é o impacto da basuraleza en Áreas Importantes para a Conservación das Aves e a Biodiversidade (AI). En Galicia, as seleccionáronse seis áreas (Illas Cíes, Costa da Morte Norte, Ría do Eo-Praia de Baraio-Ría de Foz, A Limia, Serra dos Ancares e Serra da Cabrera), por ser uns hábitats máis representativos. Grazas a esta iniciativa tómanse mostras de auga, chan e feces de animais silvestres... para identificar e cuantificar a presenza de produtos contaminantes provocados polo abandono de residuos e analizar o seu impacto no medio natural. As mostras son analizadas por investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

PUBLICIDADE