Os xogos de Kingdom Hearts chegarán a PC en marzo

venres, 12 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Square Enix vén de dar unha grande nova aos seareiros da franquía de xogos de Kingdom Hearts xa que van levala a ordenadores persoais o vindeiro 30 de marzo, estreándose na Epic Games Store, o que tamén permitirá que esta serie de xogos chegue a un público máis amplo.
Kingdom Hearts é unha serie de xogos que conta unha historia de luz e amizada que supera o poder da escuridade na que os xogadores viaxan a unha multitude de mundos de Disney e Pixar. Os xogos están protagonizados por Sora, ao que acompañan Donald e Goofy, principalmente, aínda que nalgún dos títulos tamén son xogables outros personaxes da serie e de Disney.
Os xogos que chegarán o 30 de marzo a PC son os correspondentes á saga do Buscador da escuridade, que vai dende o primeiro xogo da serie até o máis recente Kingdom Hearts Melody of Memory. Ao longo de 11 experiencias e centos de horas de xogos poderemos ver como a historia culmina nun desenlace final e emocionante que por fin pode vivirse en ordenadores persoais a través de 4 produtos diferentes: Kingdom Hearts HD 1.5 + 2.5 ReMIX, Kingdom Hearts HD 2.8 Final Cahpter Prologue, Kingdom Hearts III + Re Mind e Kingdom Hearts Melody of Memory (aínda que este último é un xogo de acción rítmica que podería considerarse fóra da serie principal).

Vídeo no que anuncian a chegada de Kingdom Hearts á Epic Games Store

PUBLICIDADE