O vindeiro venres vai ser un día importante na distribución de videoxogos para a Nintendo 3DS, pois a consola portátil de Nintendo vai recibir o xogo New Super Mario Bros. 2 tanto nas tendas físicas como a través da Nintendo eShop (tenda de descargas), tratamento que tamén recibirán os novos títulos New Art Academy e Freakyforms Deluxe: Tus creaciones cobran vida. A única diferenza entre a versión física e a descargable debería ser que a primeira iría en cartucho e a segunda gravaríase na tarxeta SD da consola, pero ao parecer non vai ser totalmente así, pois por unha banda Nintendo premiará a quen merque a descarga co dobre de puntos estrela (que serven para adquirir produtos do Club Nintendo) pero, pola contra, o seu prezo sería asombrosamente máis caro.

No caso español non saberemos os prezos de venda ata o venres, pero entendemos que a situación aínda podería ser máis grave, pois a disparidade de prezos que temos en España é moi grande, e aínda que New Super Mario Bros. 2 ten un prezo oficial de 45,95 euros, é posible conseguilo ata por uns 10 euros menos, de xeito que a diferenza de prezo entre o produto físico e o descargable podería ser moi pronunciada.
Calendario de lanzamentos para Nintendo 3DS

Entre as datas que figuran destacan Paper Mario: Sticker Star para o 11 de novembro e a nova aventura do Profesor Layton para o 28 de outubro. Tamén datan para setembro o FIFA 13, para outubro os xogos Angry Birds Trilogy e Rompe Ralph, Epic Mickey: Power of Illusionpara novembro, Rabbids Rumble e Scrybblenauts Unlimited para o Nadal e LEGO The Lord of the Rings e Spy Hunter no outono. Estas datas non serán iguais en Europa, pero poden servir para facernos unha idea da data na que chegarán ás nosas tendas estes interesantes títulos que animarán o catálogo para a Nintendo 3DS e 3DS XL.
