Os xogos descargables son para o verán

luns, 8 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Flashback volve tras 20 anos do seu lanzamento orixinal

Microsoft está a prepararse para un verán quentiño no que a xogos se refire, e mañá mesmo inicia o seu Summer of Arcade, que é o período no que estrearán 4 importantes títulos descargables para a Xbox 360, comezando coa aventura de acción Brothers: a Tale of two Sons de Starbreeze Studios (que destaca por unha curiosa experiencia de xogo cooperativa para un xogador) que poderá adquirirse por 1.200 Microsoft Points (uns 14,4 euros) ao que seguirá o vindeiro día 14 o beat’em up de Ska Studios Charlie Murder, que custará 800 Microsoft Points (9,6 euros).

As Tartarugas Mutantes pecharán o Summer of Arcade 2013

Pero os pratos fortes chegan despois, co lanzamento dunha agardada revisión do clásico Flashback, recuperado por VectorCell 20 anos despois do lanzamento do xogo orixinal e que venderase a 800 Microsoft Points (9,6 euros); e un novo xogo das Tartarugas Mutantes, Teenage Mutant Ninja Turtles: Desde Las Sombras, que por 1.200 Microsoft Points (14,4 euros) ofrecerá un título de acción no que poderán xogar 2 usuarios en local e ata 4 xogadores en liña.


Vídeo promocional do Summer of Arcade deste ano

PUBLICIDADE