Os xornalistas galegos e a responsábel da plataforma Quen son elas? presentan a 9ª Bolsa Nacho Mirás
luns, 1 de abril do 2024
Santiago acolleu este 1 de abril presentación da novena Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas está aberta até o 15 de xullo de 2024.
A vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Alba Silva Rodríguez, foi a encargada de inaugurar o acto, destacando que esta iniciativa leva o nome de Nacho Mirás, un xornalista que deixou unha "fonda pegada" no centro e que loitou moito "polo espírito de facerse valer". No nome do decanato, agradeceu ao Colexio de Xornalistas e a Abanca a continuidade da bolsa e deu os parabéns a Cinthia Piñeiro, ex alumna da facultade, por ser merecedora da bolsa na pasada edición con Quen son elas?
Quen son elas? é un programa radiofónico en formato podcast que pretende abrir un espazo de difusión aos deportes minoritarios e minorizados en Galicia, mais tamén o de ter a ollada posta na perspectiva de xénero. Cada programa está formado por unha entrevista a deportistas ou persoas con cargos vinculantes no deporte, acompañada de dúas seccións secundarias que irán alternando entre as seguintes: Efemérides (reportaxes sobre días conmemorativos oficiais vinculados co deporte e coa data de publicación), Faino coma Switzer (historias de deportistas galegas veteranas), Os clásicos galegos (sobre deportes tradicionais) e Pequenas promesas (informacións das campioas que xa comezan a dar os seus primeiros resultados en competicións de alto rendemento).
Piñeiro Acevedo agradeceu ao Colexio de Xornalistas, Abanca e a Facultade de Ciencias da Comunicación a oportunidade para pór en marcha este proxecto que, como relatou, naceu para un traballo fin de grao como unha reportaxe "e agora, grazas á Bolsa Nacho Mirás, puiden enfocalo co medio de comunicación que me apaixona: a radio". O obxectivo de Quen son elas?, asegurou, é triplo: "Dar cobertura a todas as disciplinas deportivas por igual, atender á perspectiva de xénero e poñer o foco na nosa comunidade autónoma".
A Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis
Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2024, 2023, 2022, 2021 ou 2020) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.
As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal a documentación que se especifica nas bases da convocatoria. Valoraranse todas aquelas características que o xurado considere que poidan destacar para un proxecto xornalístico, tendo en conta tamén a orixinalidade, que poida supor unha solución profesional e teña viabilidade futuro, a calidade do proxecto, o seu impacto social, que se materialice en galego e pertencer ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. O fallo do xurado darase a coñecer nas semanas seguintes á data límite de recepción de propostas.
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que, segundo lembra o Colexio, “sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista”. Esta bolsa pretende ser “un pequeno empuxe para eles e elas, para que atopen o seu camiño profesional”, engadiron dende Xornalistas.gal, recordando que nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021), Notas á marxe (2022) e Quen son elas? (2023).