Ourense acolle esta semana unha experiencia 5G para as retransmisións deportivas do futuro

mércores, 18 de maio do 2022 S. P.

Esta semana a rede 5G será na nosa terra a gran protagonista do ámbito tecnolóxico. Serao da man de Orange e Ericsson, que presentan en Vigo a súa rede 5G de seguridade e vixilancia para o Porto da cidade e que ao día seguinte, xunto coa coa emprega galega Cinfo, trasladaranse a Ourense para desenvolver no Estadio do Couto unha experiencia deportiva de uso con esta tecnoloxía móbil. Trátase dunha actividade ligada ao proxecto para dotar á CRTVG dos máis avanzados recursos para a retransmisión de eventos.
O proxecto incluíu a despregadura dunha nova cobertura 5G na área do Estadio do Couto (Ourense), mediante a instalación dun nodo 5G (gNodeB), co-localizado cun nodo LTE (eNodeB) que presta servizo nesta área. Ademais disto, no estadio habilitáronse 9 cámaras manexadas mediante Intelixencia Artificial polo sistema de produción automático e remoto Tiivii de Cinfo.
“Este piloto”, informou a operadora Orange, “permitirá reducir custos de produción, apoiar ao deporte local creando un novo modelo de obtención de ingresos, reducir o tempo de reacción ante un evento na instalación conectada e a posibilidade de crear outros servizos co mesmo investimento, tanto para o emisor como para o propietario e usuarios da instalación”.
A demostración terá lugar o próximo día 20 de maio no Estadio do Couto (rúa do Serán, 1G, Ourense) ás 12 horas e contará coa asistencia de representantes da Xunta de Galicia, Red.es, TVG e das empresas desenvolvedoras.
Para esta experiencia mostraranse capacidades de realización usando a rede 5G como: realización remota e/ou automática desde instalacións do radiodifusor / híbrida (instalacións do radiodifusor e OTT), captura 8K, realización remota desde a nube, con saída IP de alta calidade, entre outras.
Este proxecto enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e co-financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e a través da UTE formada por Cinfo, Orange, Gammera Nest e Optare Solutions.

PUBLICIDADE