Ourense acolle o primeiro foro da Estratexia Dixital 2030

luns, 1 de xullo do 2019 Redacción

Profesionais do sector primario, forestal, turístico e tecnolóxico, xunto con responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica e da universidade, abordan hoxe en Ourense as liñas de actuación da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 (edeg2030) para aplicar a tecnoloxía á xestión territorial intelixente. Nesta primeira xornada o debate xirará en torno á conectividade de altas capacidades, ao incremento da competitividade do sector primario, o reto demográfico, os novos modelos de transporte e a eficiencia enérxica.
O primeiro dos Foros de Debates profesional da edg2030, foi inaugurado hoxe pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, na Escola Superior de Enxeñaría en Informática no Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Mar Pereira sinalou que a aplicación das tecnoloxías disruptivas ten un importante potencial para o desenvolvemento económico pero tamén implica enfrontarse a importantes dilemas éticos, que precisa dun enforque multidisciplinar. Neste sentido, Pereira, quixo recalcar que, no proceso de elaboración da edg2030, ademais da colaboración do sector tecnolóxico, terán un papel chave outros ámbitos como o humanístico e ético, o xurídico ou o económico.
Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, agradeceu que o inicio deste debate se produza na institución académica. Recoñecendo como «é moi difícil saber cara onde vai o futuro», o reitor salientou como “unha mirada múltiple, na que participemos todos, seguramente será moito máis acaída”. Así, Reigosa fixo fincapé en que ante os retos que ten Galicia, como o demográfico ou o do desenvolvemento rural, «se queremos favorecer a vida das persoas precisamos unha sociedade que sexa máis próspera, máis xusta e máis igualitaria e todo iso non se vai poder facer se non damos un paso adiante que ten que ver co coñecemento, co espallamento das novas tecnoloxías e con non perder o ámbito humanístico».

Primeiro dos fitos previstos

Estes Foros de Debate, organizados pola AMTEGA en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia.
En total, celebraranse catro sesións de traballo nos campus de Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña, que congregarán aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, e de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.
Trátase dos primeiros encontros previstos neste proceso participativo, no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da AMTEGA, así como dun comité de expertos que trasladen a súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital.

Obradoiros en torno a catro temas

Durante esta semana máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, repartidos en 12 grupos de traballo farán as súas achegas para definir as liñas de actuación da futura edg2030 en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital, Economía Aberta e Especialización Tecnolóxica.
A edg 2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

PUBLICIDADE