Ourense acollerá un congreso sobre drons e sobre as súas aplicacións na nosa terra, DIC Galicia’17

luns, 13 de febreiro do 2017 Redacción

A Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación (AGGETT), entidade profesional de recente creación, vai organizar os días vindeiros un interesante e ambicioso encontro sobre as posibilidades dos vehículos aéreos non tripulados, coñecidos como UAV ou drons. O congreso DIC Galicia’’17 celebrarase na cidade de Ourense os días 31 de marzo, 1 e 2 de abril. A idea de AGGETT é a de “ofrecer mesas redondas nas que se falará da lexislación neste ámbito dos vehículos aéreos, do futuro do sector e das súas aplicacións por parte das firmas e entidades da nosa terra”. Ademais, o evento centrará parte do seu programa en casos concretos de uso e integración tecnolóxica dos drons. A maiores, haberá unha competición e máis un obradoiro de tecnoloxías aéreas a disposición do público en xeral.
O congreso, que xa ten programa provisional para informarnos dos principais contidos a tratar e, tamén, dos persoeiros que formarán parte das actividades, inaugurarase o venres 31 cunha sesión de apertura oficial na que intervirán Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, José Javier Medina, decano-presidente do COGITT, José Manuel Martínez Pérez, presidente da AGGETT e delegado destas entidade en Galicia.
A continuación arrincarán diferentes mesas de presentacións a cargo de relatores expertos, entre os que se contan representantes de AESA, a Asociación Española de Drons (AEDRON), o Colexio de Enxeñeiros Xeomáticos da Comunidade de Madrid, a Garda Civil en Galicia, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, a Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo da UVigo. Tamén se darán a coñecer presentacións de aplicacións profesionais a cargo de empresas como EGATEL, Prosegur (DroneService) ou Marine Instruments.
O evento, que se vai desenvolver en ExpoOurense, contará co patrocinio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación, o COITT. Colaboran Caldaria e ExpoOurense.

PUBLICIDADE