Ourense avanza en accesibilidade e dixitalización grazas ao Hackathon de Turismo Policéntrico Intelixente

luns, 27 de outubro do 2025 S. P.

Finalmente celebrouse este sábado 25 de outubro o Hackathon de Turismo Policéntrico Intelixente, no marco do proxecto europeo POST (Polycentric Sustainable Tourism), organizado pola Deputación de Ourense, quen sinalou que a cita “foi todo un éxito logo de reunir a equipos multidisciplinares que traballaron intensamente na creación de solucións innovadoras para o desenvolvemento dun modelo de turismo sustentable, inclusivo e accesible na provincia”.
A institución provincial, tendo en conta os bos resultados, xa anunciou que continuará “a traballar na implantación das mellores ideas xurdidas no evento, co obxectivo de consolidar a provincia como un destino turístico máis diverso, sen barreiras e respectuoso co medio ambiente, apostando por un modelo de turismo intelixente e responsable”, afirmou o deputado de Innovación, Jorge Pumar.
O evento, centrado en abordar retos concretos da innovación turística, estruturouse ao redor de cinco grandes temáticas clave para a transformación do sector: rutas intelixentes, gamificación cultural e rural, mobilidade verde e accesible, resiliencia fronte ao cambio climático e recuperación da paisaxe, e pasaportes territoriais e recompensas.
Os equipos participaron nun proceso de innovación aberta, empregando metodoloxías áxiles como Design Thinking para desenvolver solucións de forma colaborativa e rápida.
Durante as semanas previas, as persoas participantes tiveron a oportunidade de traballar na fase virtual, onde a través de ferramentas dixitais colaborativas como Miro, definiron, validaron e prototiparon as súas ideas coa orientación de mentores expertos en cada área.
Os proxectos gañadores do Hackathon de Turismo Policéntrico Intelixentes son:
1. Equipo Pegadas con Eco polo proxecto Rutas intelixentes e multiexperiencia.
2. Equipo Rebrota polo proxecto Resiliencia fronte ao cambio climático e a recuperación da paisaxe.
3. Equipo Ourense Explora polo proxecto Pasaportes territoriais e recompensas.
Os equipos traballaron na creación de prototipos funcionais durante a xornada presencial, empregando técnicas de prototipado rápido e validación de hipóteses mediante feedback continuo dos mentores e expertos. O evento culminou cunha sesión de pitching ante un xurado composto por representantes do sector turístico, mentores e autoridades institucionais, quen avaliaron as propostas en base a criterios de innovación, viabilidade técnica e aliñación cos obxectivos do turismo policéntrico, especialmente no que respecta á sustentabilidade e á adaptabilidade a outras rexións.