Ourense concentrará nun laboratorio recursos de ciberseguridade

mércores, 11 de xuño do 2025 Redacción

O director da AMTEGA, Julián Cerviño Iglesia, inaugurou esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole a xornada Galicia cibersegura: protexendo o tecido empresarial, onde salientou a posta en marcha dun novo paso estratéxico na loita contra as ameazas dixitais: a licitación dun acordo marco para crear un laboratorio transversal integrado no futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), actualmente en construción en Ourense.
Este novo laboratorio e centro demostrador terá como misión coordinar a rede de laboratorios sectoriais especializados en ámbitos como o transporte intelixente, o espazo aéreo para vehículos non tripulados e as redes móbiles de nova xeración (5G e 6G). Así mesmo, desenvolverá actividades orientadas a impulsar a implantación de tecnoloxías de seguridade nas TIC, coa vista posta tamén na protección das infraestruturas críticas e dos sistemas industriais. O investimento previsto para os dous primeiros anos de funcionamento ascende a 8,7 millóns de euros.
Durante a súa intervención, Cerviño destacou a relevancia de que sexa precisamente a provincia de Ourense a que acolla este centro, que se configura como un eixo fundamental para a dinamización tecnolóxica e empresarial de Galicia.
A xornada celebrada en Tecnópole puxo o foco na ciberseguridade aplicada ao ámbito empresarial, con relatorios centrados en cuestións como a nova normativa vixente, a situación da seguridade dixital no tecido industrial ourensán, a evolución das ameazas cibernéticas, os mecanismos de financiamento para proxectos neste ámbito, as ferramentas para blindar empresas ou os retos da ciberseguridade nos vehículos conectados.
O evento forma parte da programación previa do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que celebrará a súa actividade principal os días 5, 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.