Ourense contará cun grupo de expertos en drons para materializar respostas ante emerxencias

venres, 13 de abril do 2018 Redacción

A Deputación de Ourense leva certa tempo poñendo a ollada nos drons e nas súas posibilidades para executar medidas de protección ambiental (por exemplo contra as infestacións de vespa velutina ou contra os lumes forestais) ou para situacións de emerxencia (extravío de persoas ou accidentes en estradas remotas, entre outras incidencias). Seguindo nesta liña, a entidade que preside Manuel Baltar vén de impulsar a posta en marcha dun grupo de expertos en drons para promover solucións en seguridade e emerxencias desde o punto de vista lexislativo e operativo.
Así o confirmou o presidente do Goberno provincial, Manuel Baltar, trala sinatura da acta constitutiva do dito grupo de cooperación, asinada polo presidente da Deputación de Ourense; o delegado da zona norte de Servitec Medioambiente, S.L., Hugo Rodríguez; o director executivo da firma local Aerocámaras, Jaime Pereira; a directora de mercadotecnia de Dräger; Marisa López, e o director xeral de Emprego e Emprendemento da Escola Superior de Enxeñería da Universidade de Cádiz.
Segundo fixeron saber, a iniciativa ten o obxectivo de seguir mellorando a capacidade das administracións nas súas competencia nestas materias, así como a resposta operativa ante situacións de emerxencia e promover innovacións aplicando as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados (drons ou UAV).
Segundo se reflicte no acordo asinado, a finalidade do grupo de expertos é “establecer estándares de calidade en formación e produtos relacionados co ámbito das emerxencias e a seguridade pública e privada, e realizar propostas á Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) desde o punto de vista dos expertos en drons para emerxencias e seguridade”.
Entre as actividades previstas inclúese o exame das cuestións operativas e lexislativas que limitan os medios empregados e a capacidade de resposta das administracións competentes en emerxencias e seguridade. Tamén se dará acubillo ao deseño dun cronograma e un plan de traballo que permitan a empresas e administracións públicas implementar as mellores iniciativas nesta materia. A maiores, promoveres o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras.

PUBLICIDADE