Ourense e a Secretaría Xeral da Lingua premiarán o talento audiovisual da rapazada
xoves, 2 de outubro do 2025
A Concellaría de Educación do Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua que dirixe Valentín García convoca o XVI Certame de Cinema Internacional Escolar OUFF Escola, unha iniciativa que ten o obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo en materia de contidos.
Este certame pretende ademais “potenciar o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, as TIC, nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas”.
O concurso encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlle formación á mocidade sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.
Poderán participar centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2024-2025, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega. A participación realizarase sempre baixo a titoría dun profesor ou profesora responsable do proxecto.
Estabelécense dúas categorías: por unha banda infantil e primaria e, pola outra, outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son).
As obras deberán cumprir os seguintes requisitos: todos os traballos estarán en lingua galega; deberán ser orixinais ou adaptacións, non comercializados e non presentados con anterioridade a este certame; e non poderán ter máis de 20 minutos de duración. A temática será libre. Quedarán excluídos aqueles traballos que inciten ao racismo, xenofobia, homofobia e calquera tipo de violencia, así como os que atenten contra a dignidade da persoa. As obras presentaranse en formato dixital.
OUFF Escola concederá os seguintes premios:
Categoría A
1.º Premio: seiscentos euros (600 €) para o centro educativo.
2.º Premio: catrocentos euros (400 €) para o centro educativo.
3.º Premio: douscentos euros (200 €) para o centro educativo.
Premio Blanco Amor ao Mellor Guión: trescentos euros (300 €) para o centro educativo.
Categoría B
1.º Premio: seiscentos euros (600 €)para o centro educativo.
2.º Premio: catrocentos euros (400 €) para o centro educativo.
3.º Premio: douscentos euros (200 €) para o centro educativo.
Premio Blanco Amor ao Mellor Guión: trescentos euros (300 €) para o centro educativo.
O acto de entrega de galardóns realizarase no Auditorio Municipal de Ourense, no cal proxectaranse os traballos gañadores nas salas cinematográficas vinculadas ao certame.
