Ourense estrea factoría de Industria 4.0, o proxecto b2i

luns, 9 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

A semana pasada tivemos ocasión de coñecer unha nova iniciativa para introducir combustíbel a ese proceso do que tanto se fala nos últimos tempos e que se coñece como transferencia tecnolóxica, que, para entendernos, non é outra cousa que unha boa sintonía entre a comunidade investigadora das universidades e dos centros tecnolóxicos, por unha banda, e as empresas da súa contorna, pola outra (unha sintonía que é a base dun frutífero fluxo de coñecemento de dous sentidos). Estamos a falar do Proxecto b2i, posto en marcha pola Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense, en colaboración co IGAPE. O punto de mira de b2i é a Industria 4.0.
O proxecto tradúcese xa nunha colaboración concreta que vaia alén da devandita sintonía: ao longo deste ano, entre vinta e trinta firma da provincia traballarán ombro con ombro con grupos de investigación do Campus, a prol do “do desenvolvemento de pequenas e grandes ideas”.
A xornada de presentación desta iniciativa tivo lugar na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) a cargo de José Manuel Pérez, presidente desta entidade, e Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, quen salientou que b2i permitirá “ás empresas atopar respostas nos nosos grupos de investigación” e dar “estabilidade e solidez” ás relacións entre os dous axentes en beneficio último da sociedade. Do programa, Pérez Canal salientou o seu desexo de que “sexa o xermolo de novos proxectos empresariais” en dous sectores de futuro como son os elixidos para esta iniciativa.
Francisco Javier Rodríguez, delegado da Área de Transferencia do Campus da Auga e coordinador deste programa, foi o encargado de presentar en detalle unha iniciativa da que destacou que nace “porque queremos chegar ás empresas e queremos facelo cunha metodoloxía” que supoña un chimpo nas actuais relacións entre empresa e universidade e rache as barreiras entre ambos sectores.
Segundo explicou o tamén director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, “aínda que non se desestiman outros ámbitos”, os eidos de actuación elixidos para esta primeira edición do programa son a Industria 4.0, “centrada na crecente dixitalización e coordinación cooperativa en todas as unidades produtivas da economía”, e a economía circular, que, nas súas palabras, diríxese “a promover a produción de bens e servizos de maneira sustentábel, reducindo o consumo, o tempo, as fontes de enerxía e os refugallo”.
O proceso elixido para establecer estas sinerxías co tecido empresarial artéllase en varias fases, segundo indicaron os seus responsábeis. En primeiro lugar, elixiranse entre 20 e 30 empresas para participar no proxecto e que concorrerán nunha diagnose empresarial inicial, con visitas de técnicos da CEO e da Universidade para solicitar información, identificar necesidades e expor posíbeis proxectos. Asemade, organizaranse xornadas de traballo en cada un dos ámbitos de actuación.

PUBLICIDADE