Ourense quece motores para revolucionar a cultura e a creatividade tecnolóxica

mércores, 11 de abril do 2018 Redacción

O vindeiro mes de maio, do 2 ao 5, Ourense volverá ser o epicentro das novidades do audiovisual e da cultura na cuarta edición da Ourense ICC Week, o Marco das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación. Indo ao encontro en cuestión, contará cunha gran variedade de actividades: música, videoxogos, humor e historia mesturando a innovación dos temas a tratar, coa tradición de senlleiros lugares da provincia de Ourense (mosteiros de Rocas e San Clodio, a Casa Museo Otero Pedrayo ou o Campus de Ourense) que acollerán ditas actividades. A presentación da programación da Semana das Industrias Culturais e Creativas en Ourense, celebrábase onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel e nela participaban o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e os coordinadores da Ourense ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araujo.
Emporiso, a inauguración da Semana das Industrias Culturais e Creativas, na que se falará dos Mundos deseñados, será o mércores, 2 de maio, ás 18 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A presentación e apertura da xornada correrá a cargo do presidente da Deputación de Ourense. A continuación, a fotógrafa e deseñadora, Bárbara Ouka Leele; o axitador cultural, Paco Clavel; e o documentalista e comisario cultural, Juan Sánchez, falarán da Arte nas portadas, e despois, será a quenda para a ilustradora, deseñadora gráfica e Motion Grapher, María Grande e o deseñador gráfico, Javier Mariscal, quen exporán a cuestión da Cultura do deseño. Ese mesmo día, a partir das 21 horas, será a quenda para o apartado musical da xornada, co grupo Morgan, no Teatro Principal da Deputación de Ourense.
O xoves 3 de maio, ás 9.30 horas, a programación retomarase no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos), onde terá lugar unha mesa redonda sobre o Patrimonio rupestre europeo. Investigación, xestión e difusión. A xornada será presentada polo presidente da Deputación de Ourense e coordinada polo profesor de arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, e pola arquitecta e profesora da Universidade de Florencia, Carmela Crrescenzi. Ás 10 horas, Carmela Crrescenzi falará do itinerario polo patrimonio rupestre mediterráneo; ás 10.30 horas, o director do Museo do Territorio de Palagianello (Italia), Domenico Caragnano ofrecerá un relatorio sobre a pintura nas igrexas rupestres de Puglia e Basilicata. Ás 11.30 horas será a quenda para o profesor de Historia do Dereito da Universidade de Bari, Antonio G. Mastrangelo, quen falará da propiedade na área rupestre de Gravine (Taranto); e ás 12 horas, Jorge López Quiroga exporá o tema da aplicación das novas tecnoloxías en San Pedro de Rocas. Pola súa banda, o doutor en física e profesor na Universidade do Pireo (Grecia), Theodoros Ganetsos, exporá un relatorio sobre as análises físico-químicas non destrutivas das pinturas e frescos, a partir das 12.30 horas, e media hora despois, o espeleólogo, escritor e profesor, Alexey Zhalov, falará das vivendas medievais escavadas na rocha en Bulgaria, para rematar a actividade cun debate.
Pola tarde, ás 17 horas, a programación trasladarase ata o Centro Cultural Marcos Valcárcel para falar da supervivencia na xungla dixital. Participarán o músico e compositor, Nacho García Vega e o músico e compositor, Luis Mendo. Neste mesmo centro, a partir das 19.00 horas será a quenda para o humor e a cultura, na que se darán cita o humorista, Rober Bodegas; o humorista, Alberto Casado; a humorista, blogueira e ilustradora, Raquel Córcoles; e o humorista e xornalista, Juan Ramón Monet, para falar do sentido da creatividade. A mesa será moderada polo xornalista Manuel de Lorenzo.
O venres, 4 de maio, as actividades trasladaranse ao mosteiro de San Clodio (Leiro), onde a partir das 10.30 horas, falarase da creatividade e do sector TIC, baixo o título Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento. Abrirá a xornada a directora de Imaxin Software, Luz Castro, quen falará da gamificación e software galego. Ás 11.30 horas, será a enxeñeira e deseñadora gráfica, Cynthia Gálvez, quen fará un relatorio sobre AV. VR. MR.: Alén da tecnoloxía, e rematará, ás 12.30 horas, a avogada e policy manager, Sara Rodríguez, para falar da economía colaborativa.
Os máis pequenos terán unha cita coa cultura contemporánea ás 16.30 horas, pois levarase a cabo o ICC Kids no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Primeiro coa actividade Xogas ou traballas?, a cargo dos youtubeiros @Chincheto77 e @Tonacho que explicarán como fixeron da súa paixón a súa profesión; e a partir das 17 horas, estará a E-Cuarela, unha instalación de pintura dixital ao aire libre para que os nenos poidan pintar con auga este panel. Ás 18 horas, as actividades trasladaranse ao Liceo de Ourense onde será protagonista o sector audiovisual. Alí o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, e a directora e guionista de cine, Gracia Querejeta, falarán Do papel á pantalla: a traxectoria dunha muller creativa. E, nese mesmo centro, ás 19.30 horas, será a quenda para Autores e Creadores, coa entrega do galardón Premio MUSA SGAE a cargo do presidente da SGAE, José M. Fernández Sastrón, ao autor e compositor de Los Suaves, Yosi Domínguez. A xornada rematará, ás 21 horas, no Teatro Principal, co concerto de Mikel Erentxun.
O sábado, 5 de maio, ás 11 horas as actividades comezarán na Casa Museo Otero Pedrayo (Amoeiro), cunha xornada adicada á xestión cultural co tema Xestión de públicos: non quero que veñan, quero que volvan; a cargo da subdirectora artística do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Carlota Álvarez Bassó. O acto será presentado pola xornalista, Marta Gómez. Ás 12 horas, será a entrega dos Premios Rodolfo Prada Chamochín, un galardón instaurado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os xestores culturais en Galicia.
Ás 10.30 horas, nos Xardíns Padre Feijóo estará novamente o panel da E-Cuarela, no marco da ICC Kids, e completará a programación o obradoiro Emojinarium que será ás 12.00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel a cargo de María Grande no que analizarán os emojis, a linguaxe universal das expresións e crearán os seus propios personaxes. E, ás 12.00 horas, nese mesmo lugar, dará comezo a ICC Show Vermú, na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ. O humor volverá a ser protagonista, nesta ocasión no Teatro Principal, a partir das 20.00 horas, co espectáculo de Pantomima Full.
ICC Gamers
De maneira paralela a estas actividades, os días 3, 4, 5 e 6 de maio, o Campus de Ourense, acollerá a ICC Gamers que inclúe dúas actividades: a ICC Technium R Encounter e a ICC eSports. ICC Gamers, escaparate das últimas tendencias en videoxogos e deportes en liña, contará coa colaboración da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R Euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.
Indo ao miolo desta vertente de lecer dixital, a xuntanza ICC Technium R Encounter botará a andar o día 3 de maio ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. A edición 2018 da quedada informática terá catro grandes torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.
A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.
Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa devandita actividade ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos pode adquirirse estes días en Ticketea (podéndose acceder a ela a través da web www.technium.es). Neles poderán participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter, así como as persoas da propia party.

PUBLICIDADE