Ourense vístese de maker con recursos para o emprendemento e webinars

xoves, 16 de xullo do 2020 S. P.

Ourense é esta semana unha provincia argalleira. A Deputación organiza dende onte até mañá unha Semana Maker, que inclúe entre outras cousas a presentación do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Emprende Makers, celebrada este mércores 15 no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O obxectivo non é outro que “fomentar o emprendemento para crear novas iniciativas empresariais que aposten pola innovación”, ademais de achegar formación, asesoramento e espazos e sistemas para a posta en marcha de “novos proxectos”, en palabras do vicepresidente provincial, Rosendo Fernández.
No acto de presentación da iniciativa europea Emprende Makers tamén participou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca e a concelleira de Educación e Promoción Económica, Mª Teresa Garrido, ademais de representantes das Universidades de Vigo e do Minho, así como das Cámaras Municipais de Portugal: Paredes de Coura, Famaliçao e Melgaço.
Segundo se fixo saber, Emprende Makers contempla a creación e o desenvolvemento dunha Rede de Emprendemento baseada nos centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Trala presentación, desenvolveuse a mesa O movemento maker ante a pandemia da COVID-19 na que participaron o presidente da European Clusters Alliance, Antonio Novo Guerrero; o responsábel de proxectos de Maker Faire Galicia, Rubén Beiroa; o director de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo; e o director xerente da Tecnópole, Ricardo Capilla.
A Semana Maker inclúe tamén a celebración de dous webinars, conferencias que se transmiten por Internet que, baixo os lemas Ecosistema emprendedor: Zaragoza cidade Maker e Emprendemento Maker: oportunidades de creación de empresas en base a tecnoloxías emerxentes, celebraranse os días 16 e 17 de xullo, respectivamente, a partir das 11.00 horas.

PUBLICIDADE