OutRun chegará á Nintendo 3DS a semana que vén

venres, 6 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Un dos clásicos de videoxogos que, pese a verse superado tecnicamente en todos os seus aspectos en poucos anos, pero que consegue manter o seu encanto, OutRun, está a preparar a súa estrea en formato descargable na eShop para as consolas portátiles de Nintendo, confirmándose que o vindeiro día 12 estrearase cando menos nos EE.UU.
O produtor de OutRun 3D, Yosuke Okunari, encargouse de confirmar este lanzamento nunha entrevista publicada no blog de SEGA, na que detalla que conseguiron que boa parte do xogo correse a 60 cadros por segundo, aínda que elementos como as escenas de choques tiveron que manterse a 30 imaxes por segundo.
OutRun é un xogo que en 1986 conseguiu destacar nos salóns recreativos por ofrecer unha experiencia física, xa que o moble no que se integraba o xogo tiña forma de coche, controlándose a acción cun volante e pedais, conseguindo callar rapidamente entre millóns de xogadores de todo o mundo, que aínda hoxe lembran este curioso título no que había que correr a toda velocidade contra o reloxo, esquivando ao tráfico e escollendo entre un par de rutas distintas tras cada punto de control (incrementándose a dificultade de elixirse a pista dereita).
Algúns dos detalles máis memorables do xogo eran que o protagonista aparece acompañado dunha moza loura (que en versións modernas do xogo ten un papel máis activo, sendo a narradora de certos retos a superar) e que ao comezar as nosas partidas podiamos elixir entre varias emisoras de radio en función do tema musical que se quixese escoitar (estando algunha destas sintonías entre as máis recoñecibles da historia dos videoxogos).

OutRunt 3D permitirá lembrar o vello xogo de SEGA nas consolas portátiles de Nintendo

PUBLICIDADE