Outes acolle un Campamento Dixital a partir do 29 de xullo

martes, 9 de xullo do 2024 S. P.

O Concello de Outes (Xuventude e Educación) e Cibervoluntarios.org van celebrar este verán unha actividade de lecer tecnolóxico para a rapazada, con vistas a mostrarlles aos nenos e adolescentes os recursos que garanten un uso seguro, útil e creativo das novas ferramentas. Trátase do Campamento Dixital de Outes, unha iniciativa gratuíta de Cibervoluntarios.org, que pon o foco nas competencias dixitais para a rapazada e a mocidade.
Será un programa de 30 horas para mozas e mozos de 12 a 17 anos con contidos e actividades adaptadas a cada idade. Haberá aventuras, misións e retos. “En cada aventura”, sinalan dende a organización, “irán adquirindo novas competencias para utilizar Internet e as ferramentas dixitais de forma útil, segura e responsábel”.
Haberá dous grupos de idade: un para nenas e nenos de 12 a 13 anos, e outro para mozas e mozos de 14 a 17 anos.
O campamento desenvolverase do 29 de xullo ao 9 de agosto, de 11.00 a 14.00 horas no IES Poeta Añón. As inscricións poden facerse na Casa da Cultura de Outes até o 22 de xullo ou até completar grupos. As prazas son limitadas.