Ouvirmos lanza a versión web do seu libro-CD sobre os instrumentos galegos

xoves, 3 de decembro do 2015 Redacción

A empresa Ouvirmos, centrada na xestión de proxectos culturais e especializada en patrimonio musical, está a presentar estes días a páxina web instrumentosgalegos.gal, que é a versión en liña do libro-CD Guía Didáctica de Instrumentos Galegos de Moisés Quintas, en palabras de Ouvirmos “un excelente recurso para profesores de Primaria” e que salienta por achegar unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos de noso e das súas partes, incluíndo datos pormenorizados sobre etimoloxía, orixe e evolución.
A web instrumentosgalegos.gal, ao igual que o libro-CD do que abrolla, quere ser ante todo “unha ferramenta práctica e útil de apoio ao coñecemento e ensino da música galega”. Inclúe cun cumprido feixe de ilustracións (máis de 100 fotografías) e compleméntase con máis de 40 pistas de audio de todos os instrumentos recollidos. Abrangue ademais múltiples recursos e un obradoiro para a construción de instrumentos sinxelos. Lembrar que o libro-disco que lle serve de orixe, a día de hoxe con edición esgotada, foi lanzado en setembro de 2011 como un xeito de favorecer a preservación do noso patrimonio musical, “un legado de coñecementos históricos e actuais, a piques de desaparecer sobre os instrumentos populares e tradicionais galegos”.

PUBLICIDADE