Overcast sorprende converténdose nunha aplicación totalmente de balde

venres, 9 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que iOS é unha das plataformas que maior pulo supuxeron aos podcasts, a aplicación dedicada que incluía o sistema operativo nunca destacou pola súa calidade, de aí que emerxeran alternativas moi coidadas e con numerosas funcionalidades para adaptarse ás distintas demandas dos usuarios, de xeito que case podemos asegurar que hai unha aplicación ideal para cada tipo de consumidor de podcasting, sendo unha das máis populares Overcast, que até o momento funcionaba como aplicación Freemium, de xeito que os usuarios podían empregar unha versión de balde limitada ou pagar 4,99 euros para gozar da aplicación completa, pero o seu desenvolvedor, Marco Arment, decidiu renovar a súa aplicación á versión 2.0 totalmente de balde, non só para incorporar novidades, senón tamén para mudar o seu modelo de negocio dun xeito abraiante: agora a versión de balde será a aplicación completa, e permite que os usuarios que queiran contribuír ao desenvolvemento da aplicación apadriñándoa cunha achega de 1 dólar ao mes.
Con Overcast 1.0 só o 20% dos usuarios pagaban pola aplicación completa, o que non satisfacía a Arment, xa que vía como o 80% dos usuarios empregaban unha aplicación inferior, limitada, que non achegaba unha boa experiencia; deste xeito pensou que era mellor ofrecer unha experiencia de uso completa de balde, o que permitirá que a xente teña unha mellor percepción do produto, e se consegue que só o 5% dos usuarios opten por converterse en mecenas da aplicación xa igualaría o nivel de ingresos anterior, permitindo así que a aplicación puidese continuar a ser viable.
Inicialmente non haberá ningunha diferencia entre os usuarios que paguen e os que non, aínda que Arment non desbota que no futuro poida existir algunha prestación adicional exclusiva para os usuarios de pagamento (no caso de que supuxese costes de hospedaxe ou algo algún outro gasto).

PUBLICIDADE