PC Componentes estrea tarifa plana de envíos

mércores, 24 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A chegada de Amazon.es supuxo toda unha revolución para o comercio electrónico estatal en 2011, non só por achegar un grande catálogo de produtos, senón tamén por mudar de xeito radical a loxística especialmente co seu servizo Amazon Premium (agora chamado Amazon Prime) que permitía recibir os pedidos en 2-3 días pagando só 14,95 euros/ano, e aínda que agora custa 19,95 euros/ano, os envíos tamén son máis áxiles (en moitos produtos o envío chegar a completarse en menos dun día) e inclúen incentivos como Prime Video, Twitch Prime e Prime Photos.
En vista desta situación, unha das meirandes tendas en liña de informática a nivel español, PC Componentes, finalmente move ficha, e vén de estrear PcComponentes Premium, un servizo que por 15,99 euros/ano cubre os gastos de envío de todos os pedidos que se lles faga, ao que suman ofertas exclusivas, promocións e sorteos especiais. Até o 28 de febreiro este servizo está en promoción, de xeito que quen o contrate terá que pagar só 9,99 euros o primeiro ano (que contará a partires do segundo mes, xa que o primeiro é de proba).
Os envíos de balde con PcComponentes Premium entregaranse en 24 horas (en días laborables) pero só para pedidos superiores a 25 euros dentro da España peninsular e Illas Baleares e para produtos que estean indicados dentro deste programa (dun xeito semellante ao que acontece con Amazon Prime).

PUBLICIDADE