PCTV picoStick leva a TDT ao PC nas súas mínimas dimensións

xoves, 17 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da feira PlayBite 2009 en Londres presentaron a sintonizadora de televisión PCTV picoStick, que aseguran que é o sintonizador de Televisión Dixital Terrestre para PC máis cativo do mundo (o seu encapsulado ten un ancho de 12 milímetros e unha lonxitude de 35 milímetros), e que chegará ás tendas británicas a vindeira semana por 44,99 libras esterlinas (49,09 euros).
O reducido tamaño do PCTV picoStick convérteo nun accesorio ideal para ordenadores ultraportátiles, resultando tamén práctico para conectalo a equipos que teñen varios portos USB xuntos (grazas a que coas súas dimensións non ocupa os portos veciños coma fan outros dispositivos semellantes).
Esta sintonizadora de televisión non só serve para a TDT actual, senón que tamén está preparada para a de alta definición (sempre que a conectemos a un ordenador coa suficiente potencia), é compatible con Windows Media Center, inclúe a solución software TVCenter 6 que facilita a recepción de televisión, o uso de timeshift, a gravación en MPEG-1/2 e DivX e mesmo a consulta da guía electrónica da programación (EPG) e do teletexto.

PUBLICIDADE