PLAYERUNKNOWN’S BATTLEGROUNDS supera os 3 millóns de xogadores simultáneos

venres, 29 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Non hai ningunha dúbida en que o fenómeno no mundo dos videoxogos este ano foi PLAYERUNKNOWN’S BATTLEGROUNDS (PUBG), xogo que hai poucos días lanzou a súa versión final tras varios meses en acceso anticipado, e que agora pode presumir de facer historia ao marcar un novo teito no número de xogadores concorrentes en Steam, que antes tiña DOTA 2 con 1,29 millóns de usuarios á vez.
Durante a xornada de hoxe as estatísticas de Steam sitúan a BATTLEGROUNDS como o xogo con máis usuarios á vez, cun pico de 3.106.356 usuarios, aínda que esta posición de liderado non é nada novo, xa que o xogo xa superara os 2 millóns de xogadores simultáneos en outubro, polo que a súa ascensión é unha constante no tempo.
De feito, o éxito deste título de desenvolvemento independente aínda é maior do que podemos pensar nun primeiro momento, xa que estreou hai pouco versión preliminar para Xbox One, polo que o seu número total de usuarios sería bastante máis elevado do que indica Steam.
Aparte de PLAYERUNKNOWN’S BATTLEGROUNDS e DOTA 2, podemos ver como o resto de grandes éxitos do xogo en liña en Steam son xogos bastante veteranos, como Counter-Strike: Global Offensive (2012), Grand Theft Auto V (2015) ou incluso Team Fortress 2 (2007), deixando claro que a formación dunha base de usuarios fiel é clave no éxito deste tipo de xogos, o que dá a entender que PUBG podería converterse en todo un referente a longo prazo, sendo xa un fenómeno que como referencia máis próxima tería ao xogo Minecraft, que tamén sumou millóns de usuarios cando aínda estaba ser rematar o seu desenvolvemento.

Estatísticas cos xogos que máis usuarios congregaron hoxe en Steam

PUBLICIDADE