PNY mellora a velocidade das unidades de memoria USB

luns, 2 de decembro do 2024 Marcus Fernández

As unidades de memoria USB resultan útiles para copiar pequenos arquivos entre dispositivos, de xeito que normalmente para os ficheiros de grande tamaño resultaba máis atinado recorrer a unidades SSD externas, de maior capacidade e velocidade, pero para quen non queira dar tal salto PNY trae a segunda xeración das súas memorias PRO Elite V3 con conectividade USB 3.2.
Falamos de unidades de memoria con capacidades de 256 GB, 512 GB ou 1 TB, que pese a ter un tamaño moi compacto, conseguen velocidades de lectura de até 1.000 MB/segundo e de até 800 MB/segundo de escritura, polo que poden empregarse sen problema para traballar con ficheiros de grande tamaño e con vídeos en Full HD e 4K.
Estas unidades están creadas para durar, cunha robusta carcasa de metal en cor negra e compoñentes de calidade para garantir a súa fiabilidade. Pese a que estamos ante unha unidade de nova xeración, pode sorprender o feito de que adoptase un formato USB-A en vez do novo USB-C, pero probablemente isto é debido a que busca unha maior compatibilidade (xa que incluso pode empregarse con equipos que só teñan compatibilidade con USB 2.0).

Vídeo promocional das novas unidades USB de PNY