PTV Telecom sorprende reducindo as velocidades (e os prezos) da súa fibra

venres, 31 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Mentres a meirande parte dos operadores de telecomunicacións apostan por ofrecer cada vez maiores velocidades de conexión para poder manter ou elevar prezos, algunhas compañías van na dirección contraria, como PTV Telecom, que está a sorprender por mudar as súas tarifas de fibra de 1.000 Mbps, 2.000 Mbps e 5.000 Mbps a 19, 24 e 29 euros/mes respectivamente por conexións de 300 Mbps, 600 Mbps e 1.000 Mbps por 9,95, 14,95 e 19,95 euros/mes, destacando que son prezos definitivos e sen permanencia. Deste xeito, este operador de baixo custo quere atraer aos usuarios que queren gozar de acceso fixo á Rede co menor investimento posible.
O mesmo operador tamén ofrece telefonía móbil con tarifas moi axustadas, como unha liña con chamadas ilimitadas e 60 GB de datos por 7,95 euros/mes que queda en 5,95 euros/mes de combinarse con 2 ou máis servizos fixos. Tamén contan co servizo de televisión Zapi TV, e combinando todo o anterior teñen combinado como fibra de 300 Mbps, móbil con 60 GB de datos, teléfono fixo e televisión por 28,80 euros/mes, o que supón unha interesante proposta para moitos fogares e que actualmente goza da cobertura de Vodafone tras deixar MasOrange.
Cómpre salientar que PTV Telecom ten unha cobertura fixa moi limitada, aínda que si ofrecen cobertura móbil en todo o territorio español, pero o lanzamento das súas novas tarifas son unha mostra máis da aposta polo baixo custo que están a realizar moitas compañías de pequeno tamaño para favorecer o seu crecemento (PTV Telecom ten preto unhas 150 mil liñas de banda larga fixa e 350 mil liñas de móbil).