Pablo Fernández e a firma Sedix reivindican as posibilidades de emprego e innovación de Investigo
luns, 12 de agosto do 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou este luns 12 de agosto, en Vilagarcía de Arousa, a sede da empresa tecnolóxica Sedix Ingeniería Técnica en Informática, unha das firmas beneficiarias do programa Investigo (terceira convocatoria) que promove este ano en Galicia a contratación de 152 persoas desempregadas menores de 30 anos en actividades de I+D+i. Delas, cinco traballan neste centro arousán, grazas a unha axuda autonómica superior aos 165.000 euros.
Segundo explicou Fernández, Investigo é un plan da Xunta que busca xerar emprego xuvenil no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. “Neste 2024”, dixo, “destínanse en concreto 4,8 millóns de euros a apoiar a contratación de menores de 30 anos sen traballo en firmas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, así como en calquera outra pertencente ao sector privado, radicadas en Galicia e que desenvolvan actividades no eido do I+D+i”.
Fernández engadiu que desde que en 2022 se convocou a iniciativa por vez primeira, mobilizáronse máis de 27 millóns de euros ao abeiro deste plan, conseguindo promover un total de 812 contratacións, incluídas as 152 deste ano.
O programa Investigo enmárcase nas medidas da Xunta a prol do emprego xuvenil, entre as que se inclúe o novo programa de 1ª experiencia profesional que cun orzamento próximo aos 4,2 millóns de euros incentiva a contratación de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens “coa previsión de incorporar entre 250 e 410 persoas en toda a Comunidade”, sinalou o director xeral, que concretou que “con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa contratada estase a apoiar a empregabilidade da mocidade mediante contratos formativos de doce meses de duración, dotándoa de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade”.