Pablo Laso mostrou como traballar en equipo nunha xornada sobre alto rendemento de Vitae Consultores
martes, 30 de xullo do 2024
A consultora tecnolóxica Vitae organizou este 29 de xullo unha xornada formativa de traballo arredor dunha cuestión de vital importancia para as empresas innovadoras e tecnolóxicas: a xestión de equipos de alto rendemento. Contouse coa presenza de Pablo Laso Biurrum, ex-adestrador de baloncesto do Real Madrid durante unha ducia de anos, quen achegou claves deportivas perfectamente aplicábeis ao ámbito empresarial e profesional.
Pablo, o preparador máis laureado da historia do Real Madrid de Baloncesto, ofreceu un clinic de sete horas sobre a temática do alto rendemento, sobre liderado e sobre formación de utilidade e motivación para as e os profesionais. Para garantir o meirande calado dos conceptos achegados, Laso acompañou o seu relatorio de exemplos concretos de superación e éxitos deportivos.
- Marcos Carbonell (Vitae) e Pablo Laso
Puxo o foco en cuestións como por exemplo as mellores metodoloxías que podemos aplicar para fixar unha dirección común (con valores comúns) no noso equipo deportivo (neste caso empresarial), establecendo e clarificando os obxectivos a perseguir e tendo sempre presentes dúas ferramentas que nos van axudar a conseguilos: flexibilidade e intelixencia.
Segundo dixo, primeiro é o equipo e despois “as estrelas do equipo”. Debemos, dixo, “xestionar primeiro dende a visión do grupo e despois dende a visión dos seus diferentes integrantes, e máis se son estrelas, dende a comunicación e a empatía, pois ambos, o equipo e as estrelas, son necesarios para garantir o éxito final”. A maiores, engadiu que “o respecto e a educación non se negocian” e que para “desenvolver as cualidades da xente nova e sen experiencia hai que darlles responsabilidade e outorgarlles apoio e seguimento”.