Pablo Lorenzo-Eiroa, un dos maiores expertos do mundo en IA e arquitectura, ofrecerá unha conferencia na sede do COAG na Coruña
mércores, 12 de xullo do 2023
A
Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
(COAG) celebrará o vindeiro mércores, 19 de xullo, unha
conferencia cun dos maiores expertos do mundo na área de coñecemento
da arquitectura e Intelixencia Artificial (IA), o arquitecto
arxentino, de orixe galega, Pablo Lorenzo-Eiroa.
A
conferencia, organizada en colaboración coa Asociación cultural
Flor de Santiago e Viñedo Lagar do Vento, será ás 19:00 horas na
sede do COAG da Coruña (rúa Federico Tapia, 64). Presentarán o
acto a presidenta da Delegación de A Coruña do COAG, a arquitecta e
investigadora Ruth Varela; e o secretario da Delegación de A Coruña
do COAG, o arquitecto e profesor Emilio Rodríguez Blanco.
Pablo
Lorenzo-Eiroa é un arquitecto e docente con proxección
internacional nos ámbitos da arquitectura, o urbanismo, a ecoloxía
e a computación. Impartirá a conferencia titulada Arquitectura
de Arquitecturas: Creación, feudalismo dixital e Intelixencia
Artificial na que presentará os últimos avances
das súas investigacións sobre tecnoloxías disruptivas e
arquitectura recollidos no libro Digital Signifiers in an
Architecture of Information: From Big Data and Simulation to
Artificial Intelligence, recentemente publicado pola prestixiosa
editorial Routledge (Londres, 2023).
A
obra do arquitecto Pablo Lorenzo-Eiroa innova en sistemas de
representación e construción baseados en información a través de
materiais, robótica e fabricación dixital. Con raíces nas cidades
da Coruña e de Ferrol (a súa tía avoa vivía na rúa do Orzán
130, antes de marchar cara Bos Aires na década de 1930 onde se faría
cargo do coidado do seu pai), o arquitecto denominou ao seu estudo
neoiorquino, como unha homenaxe a esta orixe galega, e-Architects en
referencia a Eiroa-Architects, que na súa interpretación da palabra
galega Eiroa ven a significar “traballo dos arquitectos da terra”.
Pablo
Lorenzo-Eiroa analizará, entre outros aspectos, a influencia da IA
na práctica profesional do arquitecto e na arquitectura. Como
avance, o arquitecto arxentino explica que a IA non é só unha
ferramenta, senón un conxunto de ferramentas correlacionais, é
dicir, máis ben “unha plataforma de procesamento de datos e de
modelado emerxente correlacional paralelo”. Sinala que os datos, as
grandes bases de datos e os modelos de IA no seu conxunto,
constitúen, a través de estatística e algoritmos que se auto
optimizan, un conxunto de ferramentas que son dinámicas e complexas.
O
investigador salienta tamén que a arquitectura e os arquitectos
estaban evolucionando con relación a unha arquitectura de
arquitecturas, é dicir, ao desenvolvemento de ferramentas,
interfaces e plataformas nas que se desenvolve arquitectura, elevando
a un meta-nivel a arquitectura. “Os arquitectos teñen que
desenvolver plataformas para activar datos e modelos que poidan
competir coas grandes bases de datos, así como colaborar entre todos
os profesionais da arquitectura para facer fronte ao feudalismo
dixital”, comenta.
A
conferencia abordará tamén os novos paradigmas de representación
establecidos pola computación, así como o concepto de creación e
autoría no desenvolvemento de tecnoloxías computacionais
relacionadas coa arquitectura e, especialmente, coa recolección de
datos, a información, a representación, o espazo multidimensional,
as grandes bases de datos e a Intelixencia Artificial, na procura de
activar unha arquitectura da información.
O
doutor arquitecto Pablo Lorenzo-Eiroa é profesor asociado con
Tenure, director do AI Lab e primeiro director do Master of Science
in Architecture, Computational Technologies program na School of
Architecture an Design no New York Institute of Technologie (NYIT).
É
doutor en Arquitectura pola UIC de Barcelona, arquitecto pola
Universidade de Bos Aires, onde realizou estudos de Máster e un
Seminario de posgrao na Escola Superior de Belas Artes da Cárcova.
Posteriormente, logrou a bolsa Fulbright e o Fondo Nacional das Artes
para completar o seu M.Arch II na Universidade de Princeton.
Profesionalmente, Lorenzo-Eiroa é o director de deseño da práctica
experimental en e-Architects (Nova York /Bos Aires) baseada nunha
Arquitectura e Urbanismo da Información emerxentes. e-Architects
desenvolve software, “mapeo” de información e “visualizacións”
implementando Big Data, incluíndo robótica para “debuxar”
e para “construír”, entendéndoas como proto-arquitectónicas. A
súa obra construída inclúe parques, edificios e instalacións en
Bos Aires, Nova York e Europa.