Padrón quere converter a súa web nun acubillo de lendas e costumes para as xeracións vindeiras

martes, 3 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Padrón, a través da súa Concellería de Turismo, quere seguir tirando partido das novas tecnoloxías para documentar, rexistrar, divulgar e pór en valor o rico patrimonio do termo municipal. Agora é a quenda da tradición oral: as lendas e costumes das que son principais custodios e transmisores os veciños e veciñas. O obxectivo do Goberno local é recompilar toda esta inxente información (contos, lendas, ritos, costumes, usos sociais, actos festivos, coñecementos ancestrais ou técnicas de artesanía) para compoñer un banco de historias online no que se recolla toda “a tradición oral que vive na memoria da cidadanía”.
A concelleira de Turismo, Lorena Couso, explica que “a iniciativa pretende reunir toda a información para xerar documentos da tradición padronesa, que poidan ilustrar nun futuro a nosas costumes”.
Seguindo este fío, o equipo desta concellaría está a facer un chamamento a toda as veciñas e veciños para que compartan todas as lendas, historias populares ou tradicións que coñezan. “É a única forma de manter vivas estas historias”, incidiu a concelleira de Turismo. Todas as narracións que a veciñanza de Padrón envíen ao enderezo electrónico de turismo@padron.gal serán publicadas na páxina web de Turismo Padrón. Na actualidade, a páxina xa recolle as lendas da fonte da Escravitude, a lenda da fonte do Santiaguiño, e a lenda da bendición do franciscano ao peregrino.

PUBLICIDADE