Pagan 2 millóns de dólares por unha copia de Super Mario Bros.

venres, 6 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Despois das tolerías de que pagasen 870.000 dólares por unha copia de The Legend of Zelda e 1.560.000 dólares por outra de Super Mario 64, sorprenden anunciando unha nova marca: venden unha copia de Super Mario Bros. por 2 millóns de dólares.
Desta volta falamos da compra dun xogo a través da plataforma Rally, e sería un dos seus fundadores, Rob Petrozzo, quen daría conta desta venda aos medios, asegurando que o comprador é anónimo e asegurando que a pandemia disparou o mercado de coleccionistas, do que forman parte as copias sen abrir de videoxogos clásicos.
Desta volta a compra non se realizou mediante poxa, senón que Rally é unha plataforma semellante á Bolsa, na que os particulares poden investir en participacións de produtos de colección, para logo vendelos se reciben unha boa oferta. No caso da venda da copia de Super Mario Bros. Rally investiu 140.000 dólares na súa compra en abril de 2020 e os usuarios chegaron a investir 300.000 dólares no mesmo, aprobando a maioría deles a súa venda por 2 millóns de dólares a un comprador anónimo.
Este tipo de operacións, ao igual que as poxas anteriores, están totalmente fóra de mercado, e deben verse con certo escepticismo, xa que é razoable pensar que se tratan de campañas orquestradas para disparar os prezos actuais deste mercado e para dar a coñecer as casas de poxas, as compañías de certificación da condición de conservación das copias e incluso sistemas de investimento como Rally, que en declaracións aos medios aseguran que un estudante investiu 100 dólares no xogo vendido e conseguiu así 950 dólares por esta venda, dando a entender que este tipo de investimento consegue grandes rendementos, cando estamos ante un caso claramente excepcional e coa grande dúbida de que a operación faise dende o anonimato (como todos os records dos últimos anos).

PUBLICIDADE