Pagan 375 mil dólares por un Apple-1 operativo

luns, 24 de marzo do 2025 Marcus Fernández

A casa de poxas bostoniana RR vén de rematar unha almoeda baixo o título de Steve Jobs e a revolución de Apple, na que queda patente o interese coleccionista por pezas históricas da compañía da mazá.
O obxecto máis salientable desta venda é, sen lugar a dúbida, un ordenador Apple-1 co seu respectivo manual, sometido a restauración en 2019 para conseguir que fose plenamente operativo, algo que é todo un logro para un equipo informático que vai camiño do medio século e que non se fabricou de xeito industrial (construíronse menos de 200 unidades). Ante a rareza do produto e o seu bo nivel de conservación non sorprende que a poxa rematase en 375.000 dólares (346 mil euros).
Como produto curioso, tamén conseguiu un prezo de venda moi elevado (112.054 dólares) un cheque do Well Fargo Bank asinado por Steve Jobs, que sería o nº 5 expedido por Apple Computer Co. cando a compañía aínda tiña por enderezo o célebre garaxe de Los Altos (cando a meirande parte dos cheques de Apple que se conservan xa amosan como enderezo as instalacións de Palo Alto que foron o primeiro enderezo oficial da compañía).
Nas últimas poxas é habitual atopar algunhas unidades do iPhone orixinal sen estrear, dando a entender que o que para moitos sería un trebello vello, é xa parte da historia, especialmente polo impacto que tivo este teléfono popularizando o concepto de smartphone que temos actualmente. En RR Auction colocaron un iPhone orixinal, con só 4 GB de capacidade (versión que se vendeu só durante uns meses, xa que a primeira rebaixa do iPhone de 8 GB forzou a súa liquidación) a un prezo de 87.514 dólares. Falamos dunha unidade selada, que pode resultar atractiva pola súa rareza, máis que polo seu impacto real, xa que realmente o iPhone que foi relevante tiña 8 GB de almacenamento interno.
Dende o punto de vista da informática clásica, outro produto interesante vendido nesta poxa foi un Apple Lisa con dúas unidades de disco, un disco duro, rato e teclado, vendido por 56.818 dólares, o que é unha cantidade bastante reducida por un equipo de tal relevancia histórica (foi dos primeiros equipos comerciais con rato para operar cun contorno gráfico) debido a que a placa base está danada por mor de derramamentos das baterías internas (polo que precisa de bastante traballo de restauración para facelo operativo).