Paideia e a EOI achegan un curso gratuíto sobre mercadotecnia dixital na Coruña e en Santiago
xoves, 18 de xaneiro do 2024
A Fundación Paideia Galiza, a EOI (Escola de Organización Industrial) e os Concellos da Coruña e Santiago comezan o ano cunha actividade formativa para incrementar a empregabilidade da cidadanía botando man das ferramentas máis transformadoras. Estamos a falar do curso Marketing Dixital e Cooperativismo, dirixido a mozos e mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos (até esgotar prazas) en situación de desemprego e inscritas/os no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Trátase dun programa de balde para todas as persoas participantes, con 200 horas de contidos. O curso dará comezo en febreiro e desenvolverase até xullo deste ano. A formación poderase levar a cabo nas cidades da Coruña ou Santiago de Compostela. As persoas que se inscriban optarán a un premio de 60.000 euros ao mellor proxecto cooperativista no sector da mercadotecnia dixital.
Os contidos achegaranse en sesións presenciais de luns a venres en horario de mañá: de 10.00 a 14.00 horas. Máis información na web de Paideia e no teléfono 606 026 202.
Os contidos son os seguintes: mercadotecnia dixital (marketing dixital), ferramentas de negocio, emprendemento e cooperativismo e casos de éxito en Galicia e Andalucía (o programa inclúe unha semana de mobilidade con todos os gastos cubertos).