Pais e fillos en liña, máis preto do que se cría

xoves, 24 de xuño do 2010 Raquel Noya

Segundo un informe presentado hoxe mesmo pola firma de solucións de seguridade en liña, Symantec, os mozos e mozas do noso país “pasan como media un 10 por cento máis de tempo na Rede en comparación co ano pasado”. Isto, que en principio é algo totalmente normal e do que non teñamos que preocuparnos en absoluto, sí que é un tanto inquedante se engadimos que “os fillos desexan que os seus pais participen máis nas súas vidas en liña”.
O Norton Online Family Report, indica que ao longo dos últimos tres anos, as condutas seguidas na Rede por pais e fillos foi variando moito, e neste intre ambos grupos foron solventando diferencias ata saber ao detalle a conduta que segue cada un en Internet e o tempo que lle dedican ao día a este medio.
Norton acudiu directamente á fonte e logo de entrevistar a 2.800 mozos e mozas e a máis de 7.000 adultos de 14 países sobre as súas vidas e as súas experiencias en liña, o resultado foi un punto de vista concluínte que non deixa lugar a dúbidas sobre as experiencias en liña dos máis mozos.
A este respecto, tan só un 45 por cento dos proxenitores danse conta das experiencias en liña negativas dos seus fillos e fillas e malia que xeralmente son conscientes das actividades nas que participan, o caso é que infravaloran a súa capacidade para descargar contidos de todo tipo, incluíndo os inapropiados.
Os mozos e mozas, pola súa parte, “senten o fuerte impacto emocional das experiencias en liña negativas” e entre as emocións que soen sentir destacan o enfado (39 por cento), a molestia (36 por cento), o medo (34 por cento) e a preocupación (34 por cento).

Destaca neste estudo que os fillos “desexan que os pais participen máis nas súas vidas en liña e que confían neles cando algo vai por mal camiño na Rede”.
Asemade, segundo o informe, preto do cen por cento dos enquisados afirmaron cumplir coas normas familiares á hora de empregar Internet, o que supón que o seu comportamento en liña debe de ser o “axeitado”.
Xa que logo, os mozos e mozas deste país coñecen moitas das regras de “sentido común” para garantir a súa seguridade en liña, porén as antigas normas non son dabondo para manter o ritmo do mundo en liña e dos seus rápidos cambios e Norton vén de publicar unha serie de consellos de utilidade para eles:

- Prepare aos seus fillos para as malas experiencias que poidan ter na Rede; non espere ata que algo aconteza.

- Destaque a importancia de pensar antes de facer clic e descargar contidos.

- Utilice un asesor de buscas para axudar a identificar se un sitio web é seguro ou perigoso.

- Fágalle saber aos seus fillos que o que lles aconteza na Rede é unha responsabilidade compartida; os mozos non poden responsabilizarse totalmente do que lles aconteza en liña.

PUBLICIDADE