Paladins supera os 4 millóns de xogadores

xoves, 17 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Os xogos de acción en primeira persoa de grupos de heroes con estéticas moi características están de moda, e aínda que Overwatch pareza ter dominado o xénero existen outros títulos moi interesantes buscando facerse un oco, entre os que está a destacar a última creación de Hi-Rez Studios, Paladins, xogo que está dispoñible de balde en Steam mediante acceso anticipado (ou sexa, que o xogo aínda está en desenvolvemento) o que non está a resultar un atranco para atraer a un impresionante número de xogadores, pois esta semana anunciaron que viñan de superar os 4 millóns de xogadores en todo o mundo, converténdose nun dos xogos máis populares en Steam (no momento de escribir estas liñas estaba no 9º posto en actividade).
Para animar a actividade dende Hi-Rez Studios non só están a organizar torneos con premios económicos, senón que tamén están a abrirse a novas plataformas, de xeito que os interesados en trasladar as aventuras dos paladíns ás súas consolas xa poden inscribirse para participar na beta pechada do xogo para PlayStation 4 e para Xbox One.

Vídeo no que anuncian as fase de proba de Paladins para PS4 e Xbox One

PUBLICIDADE