Palworld pon en apuros o xogo na nube de Xbox

martes, 30 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O éxito de Palworld pillou por sorpresa a moitos que inicialmente só vían este título como unha copia de Pokémon que simplemente provocaba certa curiosidade, pero superar os 8 millóns de copias en Steam en 6 días, cando é un título que aínda está en acceso anticipado, á vez que tamén está dispoñible en Xbox (sen custo adicional para os subscritores do Game Pass) fai que entendamos mellor a escala á que está a moverse este prometedor xogo.
Palworld leva xa dúas semanas sendo o xogo máis vendido e máis xogado en Steam a nivel global, sendo capaz de congregar a preto de 1,8 millóns de usuarios simultaneamente, e como novo xeito de exemplificar o grande éxito deste título temos como dende Windows Central apuntan que para poder gozar deste xogo a través do servizos de xogo na nube de Xbox hai unha lista de agarda de até máis de 40 minutos, polo que os usuarios que non queren instalar o xogo no seu PC ou consola e prefiren xogalo mediante streaming (por exemplo, para poder gozar do mesmo nun smartphone ou tableta) están a ter serias dificultades para xogar.
Esta situación está a abrir o debate de se o modelo e xogo na nube de Xbox é sustentable, pois están a darse bastante casos de xogos polo que hai que agardar máis dun cuarto de hora para poder iniciar unha partida dada a súa alta demanda inicial, o que supón perder unha das grandes vantaxes do xogo en streaming: os longos tempos de espera (xa que non é preciso instalar os xogos previamente).
Entendemos que segundo se vaia facendo máis popular o xogo en streaming irán escalando os servidores para mitigar os problemas, pero non deixa de ser preocupante que depositemos tanta confianza nunha modalidade de xogo que pode resultar complicada de manter se chega a adoptarse de xeito masivo.

PUBLICIDADE