Palworld supera os 19 millóns de xogadores

mércores, 31 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Palworld resístese a deixar de ser o xogo de moda, e parece manter o seu pulo inicial até o punto de que a propia Microsoft saíu a presumir de que era a meirande estrea no Game Pass relativa a un xogo de terceiros, superando xa os 7 millóns de xogadores de Xbox, con picos de preto de 3 millóns de xogadores activos ao día, converténdose no título máis xogado na plataforma actualmente.
A estes datos temos que sumarlle que en Steam xa superaron os 12 millóns de copias vendidas en acceso anticipado, polo que están a presumir de que en menos de 2 semanas Palworld conseguiu superar os 19 millóns de xogadores.
Pode parecer curioso que Palworld teña máis xogadores en Steam que a través de Game Pass, pois mediante subscrición resulta máis barato inicialmente, pero coméntase que o feito de que a versión de Steam permita actualmente até 32 xogadores na mesma partida mentres que os servidores de Xbox limitan polo momento o número de xogadores a 4 estaría a inclinar poderosamente a balanza cara á versión de Steam.
O que parece bastante claro é que estamos ante un xogo que podería ir máis aló de ser o típico título que se fai viral e ten moitos usuarios puntualmente para pasar rápido a un segundo plano, aínda que será bastante difícil sabelo até que se produza algún grande lanzamento que acapare a atención dos streamers máis célebres (elemento que ten un peso moi grande na popularidade deste tipo de xogos).

PUBLICIDADE