Palworld supera os 7 millóns de copias en 5 días

mércores, 24 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O pasado venres lanzouse en acceso anticipado en Steam e en Xbox o xogo Palworld, que preséntase como un xogo de supervivencia nun mundo aberto no que haberá que contar coa axuda dunhas misteriosas criaturas chamadas Pals, que poden loitar, reproducirse, axudar en labores agrícolas e traballar en fábricas, podendo tamén comerciarse con eles e mesmo servir de alimento ou de medio de transporte. O xogo conta con máis dun cento de tipos de Pals e permita partidas con até 32 xogadores.
Este título desenvolvido por Pocket Pair presenta unha innegable semellanza con Pokémon, e incluso hai usuarios que o modificaron para que aparezan no mesmo Ash Ketchum e Pikachu (provocando reclamacións de copyright por parte de Nintendo), deixando claro que hai moitos xogadores de plataformas distintas ás de Nintendo que queren gozar da franquía das criaturas coleccionables, como demostra o feito de que en só 5 días Palworld superase os 7 millóns de copias vendidas (pese a ser un xogo aínda en desenvolvemento). En Steam tamén é actualmente o xogo máis vendido e o máis xogado (chegando a congregar a 1.864.421 xogadores simultáneos).
Aínda que haberá quen pense que estamos ante un plaxio, realmente Palworld é moi diferente aos xogos de Pokémon, tendo en común mecánicas como as de xestión das criaturas, pero este título está máis orientado á exploración que á progresión en combates, polo que semella que conseguirá gañar un espazo de seu no mundo dos videoxogos, con posibilidades para asentarse como unha marca de éxito.
Resulta curioso ver como este xogo chega inicialmente a PC e a consolas Xbox, estando previsto que no futuro conte con xogo cruzado entre ambas plataformas, deixando polo momento de lado aos xogadores de consolas PlayStation.

PUBLICIDADE