Panasonic desenvolve unha solución para capturar vídeo en 64:9
martes, 27 de agosto do 2013
Esta
semana celébrase en Sydney o encontro profesional de tecnoloxía audiovisual Integrate 2013, e Panasonic quixo
amosar alí o seu novo
sistema de cámaras de ultra-grande angular (UWCS) que consiste na
combinación de 4 cámaras de alta definición para poder crear en tempo real unha
imaxe panorámica de 64:9, moito máis ampla que as habituais imaxes de 16:9 que
temos nos televisores actuais, o que serviría especialmente para poder
rexistrar, por exemplo, un campo enteiro de fútbol para poder analizar as
xogadas tendo a todos os xogadores claramente visibles a un mesmo tempo.
Este sistema non precisaría que os xogadores vestisen ningún tipo de etiqueta
especial para poder seguir os seus movementos e está a captar bastante atención
por parte de entidades deportivas e canles de televisión, que poderían atopar
usos desta tecnoloxía que vaian máis aló da análise de xogadas por parte de
adestradores.
Este sistema que opera con 4 cámaras AW-HEW120 é capaz de xerar en tempo real
vídeo cunha resolución de 5.120 x 720 píxeles, ou sexa, que combinaría a imaxe
das cámaras horizontalmente, podendo calibrarse as mesmas en poucos minutos.
Esta solución pretende comercializarse globalmente en novembro.