Panasonic entra no mundo das cámaras full-frame sen espello

venres, 1 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Tras moito tempo con Sony como única grande marca que apostaba polas cámaras de fotograma completo sen espello, en 2018 Nikon e Canon subiron ao carro, e agora chegou a quenda de Panasonic, que entra neste segmento de cámaras coa nova LUMIX S1, que cun sensor CMOS de 24,2 Mpíxeles, gravación de vídeo 4K a 60 e 50 imaxes por segundo e unha función de enfoque automático rápida e precisa, combinación que chega ao mercado a un prezo de 2.499 euros o corpo e 3.399 euros cun obxectivo de 24-105 milímetros con apertura f/4.
Pero está cámara é a máis modesta de Panasonic dentro desta nova categoría, xa que para amosar músculo a compañía decidiu lanzar simultaneamente a LUMIX S1R, que sorprende por contar cun sensor CMOS de 47,3 Mpíxeles, converténdose na cámara deste tipo con maior resolución do mercado, especialmente se facemos uso do seu modo de alta resolución, que permite conseguir imaxes de 186 Mpíxeles combinando 8 exposicións diferentes.
A LUMIX S1R conta cun procesador Venus Engine que garante un enfoque moi rápido e preciso, o seu visor OLED de 5,76 Mpíxeles permite ver as imaxes tamén cunha claridade sen precedentes, tamén conta cunha pantalla táctil de 3,2 polgadas e 2,1 Mpíxeles, o seu estabilizador de imaxe de 5 eixes compensa a vibración da cámara facilitando reducir a velocidade de disparo, grava vídeo 4K até a 60 imaxes por segundo, conta con tomas de 3,5 milímetros para auricular e micrófono (permitindo tamén o uso de micrófonos XLR cun adaptador), é compatible con LUMIX Tether (que permite o control remoto mediante USB), con LUMIX Sync tamén pode controlarse remotamente a cámara dende iOS e Android (así como transferir as fotografías ao móbil) e conta tanto con conectividade Bluetooth 4.2 como Wi-Fi N e AC nas bandas de 2,4 e 5 GHz.
Estas magníficas prestacións loxicamente supoñen un prezo moi superior ao da cámara máis básica desta familia, e a LUMIX S1R véndese a 3.699 euros só o corpo, mentres que por 4.599 euros podemos facernos coa mesma cun obxectivo 24-105mm f/4.
Espérase que estas cámaras cheguen ás tendas españolas a finais de marzo.

JPEG - 77.5 KB
A Panasonic LUMIX S1R chega ao mercado presumindo de ser a cámara full-frame sen espello de maior resolución

PUBLICIDADE