Panasonic incorpora Firefox OS nos seus televisores UHD

luns, 29 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Nas últimas semanas comentouse en varias ocasións o abandono da Fundación Mozilla do desenvolvemento do seu sistema operativo para móbiles, insistindo que non se trataba da acta de defunción de Firefox OS, senón nun cambio de rumbo, e para confirmar isto hoxe dan conta da presentación na nova liña de televisores de ultra alta definición Panasonic DX, que precisamente optaron por Firefox OS para as súas funcionalidades de Smart TV, o que permítelles acceder rapidamente á televisión en directo, aplicacións e dispositivos conectados persoais, facendo áxil e doado o acceso a contidos de distinto tipo entre os que non faltan os vídeos e as páxinas web.
Panasonic prevé renovar a súa familia DX de televisores de ultra alta definición cunha nova versión de Firefox OS que chegaría ao longo do presente ano, e que achegaría un novo xeito de descubrir aplicacións web e gardalas no televisor, de xeito que Firefox OS seleccionará unha ampla serie de contidos da web optimizados para televisores como xogos, canles de novas, vídeo á carta, información meteorolóxica... que poderían funcionar sen instalación.
Un dos puntos fortes de Firefox OS no televisor é a súa interacción coa aplicación de Firefox para Android, que contaría cunha opción de enviar ao televisor para facilitar o acceso de contidos da web en pantalla grande.
Os novos televisores de Panasonic gozan de ultra alta definición e HDR, de xeito que terían as tecnoloxías de pantalla máis demandadas actualmente, e incluso poderán completarse cun reprodutor de Blu-ray do fabricante que sairá nas vindeiras semanas e que tamén será capaz de reproducir contido en ultra alta definición, aínda que para gozar de contidos HDR en UHD o máis habitual parece que será recorrer a servizos como Amazon e Netflix (que estarán dispoñibles para estes novos televisores).
Esta nova familia de televisores estará dispoñible en distintas sub-series, con modelos que van das 40 até as 65 polgadas.

PUBLICIDADE