Panasonic presenta a súa primeira cámara con sistema de micro catro terzos

venres, 12 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Panasonic revoluciona o mundo da fotografía dixital coa súa nova cámara Lumix G1, que é o primeiro modelo micro de catro terzos, de xeito que nun reducido tamaño (124 x 84 x 45 milímetros) e peso moderado (385 gramos sen lentes nin batería) podemos contar con ópticas intercambiables.
A Panasonic Lumix G1 incorpora un sensor de 12,1 Mpíxeles, captura instantáneas en formato RAW ou JPEG, ten unha sensibilidade de entre 100 e 3.200 ISO, pode tirar ráfagas de 7 imaxes seguidas sen compresión a 3 fotogramas por segundo (sen límite de imaxes ao empregar compresión JPEG), ten unha pantalla de 3 polgadas e pode achegar as súas imaxes a televisores de alta definición grazas á súa saída HDMI.
A cámara tamén inclúe estabilizador de imaxe, ISO intelixente, foco automático, detector de caras e selector de escenas intelixente. O primeiro mercado no que se comercializará será o nipón, o 31 de outubro, cun prezo estimado de entre 80.000 e 120.000 iens (entre 480 e 720 euros) segundo os accesorios incluídos.

PUBLICIDADE